jueves, 19 de febrero de 2015

HISTORIA SALVATIERRA DE MIÑO. AQUELES ESTRAÑOS FESTEXOS DE XUNIO DE 1929 EN SALVATERRA.

RECREACION HISTORICA SOBRE UNHA NOTICIA VERAZ. 

(Todos os datos referidos nesta entrada- nomes, referencias e feitos narrados son rigurosos- excepción feita obviamente da miña presenza na escea e a publicación da nova no xornal Eco do Condado como un engadido ficticio.)


Coñecía a participación do meu Avó Santiago Presa Boente na constitución da Sociedade Recreativo-Cultural O Miño alá polo ano 1929 xunto con outros omnipresentes cidadáns da vila. Entre eles Don Victoriano Alonso como Presidente, (cargo do que gozaría pouco tempo dado que a morte lle sobrevendría na madrugada do 5 de novembro do ano seguinte) Felix Carrasco e Emilio Fernández, (este ultimo sería vicepresidente da Sociedade de Agricultores de Salvaterra e inspector de sanidade exercendo ademais de veterinario municipal) o propio Santiago como secretario e Arturo Queimadelos como vicesecretario. 

Dende esta plataforma organizábanse eventos que animaban a vida cultural da vila. Pero non era en realidade un festexo organizado por esta sociedade o que conmovía Salvaterra a finais de Xullo de 1929. A pequena vila miñota foi invadida por unha ledicia colectiva que se manifestou polas súas rúas e en diferentes e barullentas expresións de xúbilo.



Retrocedo no tempo e sitúome xunto ao meu avó como un observador invisible.

 Véxoo en comitiva xunto a outras persoas. Está o Tenente de carabineros, Enrique Martin Rodríguez, persoal da administración de alfándegas (ainda que non é mencionado a partir de principios de 1928 este cargo era ocupado por Felix Carrasco Verde) o xefe de telégrafos, funcionarios do concello, xuiz municipal (Benjamín Losada Pereira). Vexo a Don Manuel Hidalgo, ao médico Queimadelos, a Don Matías Candeira, o industrial que abastecería a zona daquel invento máxico da electricidade a través da súa concesionaria Electra Gallega. Están tamén entre o xentío exultante, Daniel Suarez Pumariega casado con Doña Rosa Candeira, Antonio Brisimo, Antonio Baseda, e albisco tamén o hosteleiro Herminio González. Portan as bandeiras bermello-amarelas e algún lema escrito sobre sabas no que dende a distancia creo ler Plus ultra. Baixan charramangueiros pola costa do castelo deixando atrás a casa de Doña Teodora Fernández, Viuva de Suarez e as leiras chamadas Ribeira, Ribas de Miño, Fichiña, e Lagoa en dirección á estación. 

  Dende a Fonda de Herminio González e nas fiestras do Hotel Miño algúns forasteiros observan curiosos a escea. Nos predios públicos ondea a bandeira nacional e soan as campás da igrexa. Escóitolles corear un nome ¡ Franco, Franco¡ pero...? non me encaixa, Francisco Franco non gobernará ata 10 anos máis tarde cando remate a guerra, non lles representa e aínda que xa é xeneral na Academia militar de Zaragoza, non entendo esa exaltación da súa figura. 

Poño atención. As campás seguen o seu repiqueteo e a medida que baixamos cara á aduana e o posto da barcaza da Pedra Furada, sobresáltanme os estoupidos das bombas de palenque. Na outra beira os guardiñas portugueses  ergueron tamén a súa bandeira no posto fronteirizo. Seguen coreando o nome de Franco e eu cada vez decátome menos. 

 Fago noite no Hotel González e deitome canso e confundido. De cando en vez o traqueteo dalgún tren rompe o espeso silencio da noite no Condado. Amanece un novo día. Unha gaita do país espértame a iso das 10 da mañá e véxoa percorrer o pobo interpretando pasodobles (literal no texto orixinal). Teiman o fogeteiros lanzando bombas de palenque e escoito dicir aos esmorgantes veciños que á tarde organizarase un baile ata as 12 da noite. Non podo intervir, nin preguntar, son só un observador. Sígome preguntando que diantre pinta Franco en toda esta algarabía cando chama a miña atención unha folla de xornal. Recólloo do chan. É un exemplar do día anterior do Eco do Condado. Na súa primeira páxina esta a solución a este misterio. O heroe do aire, Ramón Franco foi achado logo dun amerizaxe forzoso fai xa unha semana. Dábaselle por morto e localizouno xunto a sua tripulación no arquipélago das Azores o portaavións inglés Eagle




   Respiro aliviado. Ainda quedan algúns anos para que chegue o Dictador. Achégome ata o baile. Se cadra poida ver como Santiago faille as beiras a Josefina, a avóa de Salvatierra.



Rescate do Garnier pola tripulación dos Portaavións Eagle




FUENTES

-Ramón Franco en el campo de Gibraltar. Julio de 1929


Jose Manuel Algarbani Rodríguez / Escuela Universitaria de Estudios Jurídicos y Económicos





-El Pueblo Gallego edición del 2 de Julio de 1929- 


No hay comentarios:

Publicar un comentario

jesuspresa@hotmail.es